Igmig é unha banda viguesa formada por Mig Seoane, Nacho Muñoz e Suso Alonso cun estilo moi peculiar e de carácter festeiro que busca sempre sorprender os seus seguidores e dalo todo enriba do escenario.
O sábado 23 de decembro ás 00.00 estarán tocando no Mogambo (en Churruca 12, Vigo) no fin de festa do Galician Freaky Film Festival e estamos seguros de que será o mellor remate posible nesta edición cero do certame.
Antes de subirse ó escenario quixemos saber un pouco máis sobre eles, o seu último álbum Ai, que lío! e sobre a música en xeral.
Buscando sobre vos vexo que estades clasificados dende o pospunk, rock progresivo, electrónica e música clásica do século XX ata, directamente, un estilo inclasiflcable. Como definiriades o voso estilo?
Mig Seoane (MIG): Penso que é estilo libre, básicamente intentamos afastarnos de tabús que fomos acumulando durante a nosa formación musical. Se nun momento dado o corpo nos pide reguetón ou pasodobre tentamos meternos nese estilo e dámolo todo, e se nos pide un estilo máis intelectual tamén nos poñemos a tope pero sen tentar clasificar os estilos como válidos ou non válidos. O caso é meterse a tope e procurar facer boa música diso
Nacho Muñoz (IG): Eu o clasificaría como algo entre serialismo infantil e épica inxenua
Hai pouco que destes por rematada a xira do voso novo álbum Ai, que lío! Cal é o balance que facedes?
MIG: Estupendo, flipado coa boa acollida e de como a xente cada vez se fai máis receptiva á nosa ditadura escénica (risas).
IG: A verdade é que dende que comezamos a segunda época/reich de Igmig no 2013 con Suso Feixón á batería non deixou de asombrarnos o recibimento e empatía do público.
Temos montado festas impresionantes, cun nivel de caos e loucura colectiva admirábeis nun país europeo. Creo que o público galego ten boa culpa disto, mais non podemos confirmalo porque nunca saímos da Galiza….
Cal é a vosa canción favorita do novo disco, aquela a que lle tedes un cariño especial? Por que?
MIG: Uyyy que difícil…. A min mólame moito a suite que abre o disco
IG: A miña favorita tamén é a Suite da pubertade porque é a que creo que mellor reflicte todo o que é Igmig e como sentimos e facemos a música entre os 3.
Á que máis cariño lle teño é Ai- al- alelo por que namorei dunha moza marroquiña e lémbrame moitos momentos bos que pasei con ela.
Se non me equivoco, formastes o grupo no 2001 polo que levades nada menos que 16 anos ó pé do canon. Como foi evolucionando o voso estilo, a vosa maneira de facer música?
MIG: Básicamente o proceso é o mesmo. O proxecto actual é unha banda en formato trío, pero antes diso fixemos arte sonoro, produción de discos alleos, formación de músicos, instalacións, video arte… Cousas moi distintas pero que están unidas polo proceso creativo que eu penso que é a esencia de Igmig.
Igmig é esa forma que temos de facer as cousas
IG: Certo. A nivel musical fomos pasando de ser un dúo de improvisación libre a un trío onde alternamos improvisacións espontáneas con composicións máis elaboradas, unha mínima estrutura de concerto, etc.
Aparte diso agora traballamos con Lilian, a nosa manager e cotizamos á seguridade social, que é a maior evolución que tivemos en todo este tempo como banda (risas).
Tamén formades parte do colectivo A Metamovida. Que é e que fai este colectivo?
MIG: A Metamovida é un colectivo de bandas galegas que máis ou menos estamos unidas pola improvisación e as formas musicais que utilizamos.
A maiores, entre todas as persoas, formamos unha orquestra de improvisación dirixida e montamos uns follóns bastante interesantes.
O máis curioso é que une a varias xeracións de músicos, iso nos da unha idea da necesidade e a tradición que pode haber en ese tipo de música aquí. Tamén formamos parte hai anos do primeiro proxecto de ese tipo que houbo en galicia: a mítica orquestra O. M. E. G. A.
IG: O que máis me gusta da Meta é que, da mesma maneira que traballamos de xeito colaborativo na música, tentamos tamén facelo a nivel autoxestión, é dicir, como as experiencias dunha banda poden valer para outra.
Por exemplo hai bandas que levan tempo xirando e poden axudar a outras que comezan… Ese tipo de cousas.
Xa estamos en decembro, fin de ano, e parece imposible non voltar a vista. Con que vos quedades de todo 2017?
MIG: Quédome co público. Abraiame como a xente nun entorno de liberdade e creación pode chegar a desinhibirse. Non deixan de sorprenderme. Eu sempre intento sorprendelos pero ó final gañan eles.
IG: Sí, o do público que di Mig é moi moi flipante.
Tamén nos emociona toda a peña que se xunta para sacar adiante un festival, ou levar concertos á súa sala moitas veces con poucos ou nulos apoios. Realmente asombra a cantidade de cousas que se dan feito en Galicia tendo en conta a precariedade brutal do sector e o pouco interese das administracións.
Para vos, que é o que máis custa de sacar un álbum?
MIG: O protocolo, a burocracia e o traballo de comercial.
IG: Tempo para concentrarse e traballar seguido, sen estar a mil cousas, como protocolo, burocracia, traballo comercial…
Coma sabedes, no Galician Freaky Film Festival somos frikis, ultra frikis. E vos, tedes algún filme do que sexades ultra frikis?
MIG: En plan friki lévame o corazón Pink flamingos.
IG: A min Amanece que no es poco.